Anuncio do Estado do Mapa 2024: únete a nós en Nairobi ou en liña do día 6 ó 8 de setembro de 2024

Prepárate para coñecer e conectar coas vellas e novas amizades cartógrafas da comunidade global de OpenStreetMap un ano máis!

Estamos encantados de anunciar oficialmente que a conferencia global da comunidade OpenStreetMap, o Estado do Mapa (State of the Map ou SotM), chegará a Nairobi (Kenia) do 6 ó 8 de setembro de 2024. Este evento histórico reunirá a mapeadoras apaixonadas, entusiastas dos datos, tecnólogos e membros da comunidade de todos os recunchos do globo para celebrar o espírito de colaboración e a cartografía aberta.

Tras os bos comentarios do Estado do Mapa 2022 de Firenze, a edición de 2024 volverá a celebrarse nun formato híbrido. A partir das valiosas leccións e experiencias dos eventos anteriores, comprometémonos a que sexa aínda máis accesible para quen queira participar na gran celebración do mapeo aberto, compartindo as súas voces apaixonadas con toda a comunidade.

Foto: Vista de Nairobi, Kenia desde KICC por Daryona , CC-BY-SA 4.0 a través de Wikimedia Commons

Estamos desexando colaborar co equipo local de Nairobi para organizar unha experiencia innovadora e inclusiva no Estado do Mapa 2024, con sesións o máis accesibles e inclusivas posibles para a nosa comunidade global.

Marca o teu calendario e prepárate para formar parte do SotM 2024! Presta atención ás actualizacións sobre oradores e oradoras, axenda, entradas e como participar a medida que se achega o evento. Imos reunir os nosos mapas, empaquetar as nosas ideas e prepararnos para emprender unha viaxe inesquecible no Estado do Mapa 2024 de Nairobi.

O Comité Organizador do Estado do Mapa

Síguenos en @sotm para estar ó día das novidades.
A conferencia do Estado do Mapa é a conferencia internacional anual de OpenStreetMap, organizada pola Fundación OpenStreetMap. A Fundación OpenStreetMap é unha organización sen ánimo de lucro, creada no Reino Unido para apoiar o proxecto OpenStreetMap. Dedícase a fomentar o crecemento, desenvolvemento e distribución de datos xeoespaciais gratuítos para que calquera poida usar e compartir. A Fundación OpenStreetMap posúe e mantén a infraestrutura do proxecto OpenStreetMap, é está apoiada financeiramente coas cotas das persoas socias e doazóns
. O Comité Organizador do Estado do Mapa é un dos nosos Grupos de Traballo de voluntariado.


OpenStreetMap foi fundado en 2004 e é un proxecto internacional para crear un mapa do mundo gratuíto. Para iso, nós, miles de persoas voluntarias, recompilamos datos sobre estradas, vías férreas, ríos, bosques, edificios e moito máis en todo o mundo. Todos os nosos datos de mapas poden ser descargados de balde e usalos para calquera propósito, incluído o uso comercial. É posible elaborar os seus propios mapas que destaquen determinadas características, calcular rutas etc. OpenStreetMap úsase cada vez máis cando se necesitan mapas que se poidan actualizar moi rápido ou facilmente.

A publicación orixinal en inglés foi escrita por Enock Seth Nyamador.

This post is also available in: Inglés Francés Xaponés Español Korean Arabic