Estamos encantadas de anunciar que a Fundación OpenStreetMap foi seleccionada pola Sovereign Tech Agency para un acordo de servizos polo importe de 384.000 € durante dous anos para garantir a estabilidade, o crecemento e a modernización do software principal de OpenStreetMap.
O Sovereign Tech Fund, un programa da recentemente creada Sovereign Tech Agency, inviste no desenvolvemento, mellora e mantemento de tecnoloxías base dixitais e abertas en todo o mundo. OpenStreetMap é unha iniciativa global, colaborativa e de código aberto, que ofrece datos xeoespaciais vitais para uso público, para servizos do sector privado, para a resposta humanitaria e un número incrible doutras aplicacións. OSM converteuse na infraestrutura global de datos de mapas dixitais.
O traballo encomendado centrarase na actualización e modernización do código aos estándares actuais e na mellora das contribucións das persoas voluntarias coa mellora da documentación e a infraestrutura de probas. Tamén identificará formas en que a infraestrutura principal de OSM pode mellorar, incluíndo estudos prospectivas en temas potenciais como a resposta ao vandalismo ou novas formas de interactuar cos datos de OSM.
Como resultado deste contrato, OSMF creará dous novos postos. O primeiro que se contratará será un rol facilitador do desenvolvemento do software principal de OSM. Axudará a coordinar ao crecente equipo de persoas desenvolvedoras do software principal OpenStreetMap e a organizar o seu traballo, a establecer un espazo para que a comunidade contribúa de forma produtiva e a garantir unha boa comunicación entre a comunidade.
Revisa este espazo para buscar a oferta de traballo a principios de xaneiro e considera postular ou compartilo cunha boa persoa candidata.
A xunta da OSMF agradece á Sovereign Tech Agency o seu investimento nun momento crítico de crecemento de OpenStreetMap.
A publicación orixinal en inglés foi escrita por Courtney Williamson.
This post is also available in: Inglés Francés Español Grego