Anuncio do SotM 2022 en Florencia, do 19 ó 21 de agosto


Despois de dúas exitosas edicións en liña, prácenos anunciar que o Estado do Mapa 2022 terá lugar en persoa en Florencia (Italia) do 19 ó 21 de agosto, e tamén en liña!

O SotM 2022 será unha conferencia híbrida de 3 días que vai permitir a participación na celebración mundial de OpenStreetMap tanto en persoa como de xeito virtual ou en ambos.

O evento terá lugar antes da conferencia FOSS4G 2022, que se celebra tamén en Florencia do 22 ó 28 de agosto. O equipo local comprométese a proporcionar ás persoas participantes un espazo seguro de acordo coas indicacións sanitarias das autoridades.

Petar Milošević, CC BY-SA 4.0, a través de Wikimedia Commons

Temos moitas ganas de colaborar co equipo de Florencia para organizar unha experiencia innovadora e segura no Estado do Mapa 2022, con sesións tan accesibles e inclusivas como sexa posible para a nosa apaixoada audiencia.

Próximamente comunicaremos máis detalles sobre a organización, a convocatoria para presentacións e os billetes.
Vémonos en Florencia en agosto!


O Comité organizativo do SotM

Síguenos @sotm para se manter enterado/a das novidades do proceso!
Estado do Mapa é a conferencia anual internacional de OpenStreetMap, organizada pola Fundación OpenStreetMap. A Fundación OpenStreetMap é unha organización sen ánimo de lucro, formada no Reino Unido para apoiar o proxecto OpenStreetMap. Dedícase a fomentar o crecemento, desenvolvemento e distribución de datos xeospaciais gratuítos para que calquera os poida usar e compartir. A Fundación OpenStreetMap é propietaria e mantén a infraestrutura do proxecto OpenStreetMap e podes apoialo converténdote en membro. O Comité organizativo do Estado do Mapa é un dos nosos grupos de traballo de voluntariado.
OpenStreetMap foi fundado en 2004 e é un proxecto internacional para crear un mapa gratuíto do mundo. Para iso, nós, miles de voluntarios, recollemos datos sobre estradas, ferrocarrís, ríos, bosques, edificios e moito máis a nivel mundial. Os nosos datos de mapas poden ser descargados gratuitamente por todo o mundo e usados para calquera propósito, incluído o uso comercial. É posible producir os teus propios mapas que resalten certas características, calcular rutas etc. OpenStreetMap úsase cada vez máis cando se precisan mapas que se poidan actualizar moi rápido ou facilmente.

This post is also available in: Inglés Francés Xaponés Español Ucraíno