O Estado do Mapa 2021 (SotM, polas súas siglas en inglés) vai ser unha conferencia virtual, igual que o ano pasado. Terá lugar do 9 ó 11 de xullo de 2021. Ofertamos un programa principal coas clásicas charlas durante tres días. Ó redor dese programa haberá talleres, paneis, sesións de discusión e moito máis.
Todas as ponencias celebraranse en inglés, xa que este é o idioma da conferencia, pero este ano queremos probar algo novo: queremos ofrecer intérpretación a outros idiomas. Experimentaremos con Mumble como plataforma de interpretación e veremos se podemos atopar suficientes voluntarios para poder facelo.
Medios técnicos
Empregaremos un servidor Mumble con canles diferenciadas para cada idioma. O ou a intérprete é a única persoa que pode falar nesa canle. Todas as persoas visitantes da canle están silenciadas e só poderán escoitar a interpretación. A quen asista a unha charla mostraráselle unha lista de idiomas dispoñibles e terán que acceder ó servidor Mumble se desexan escoitar algún dos outros idiomas.
Sobre o voluntariado intérprete
Antes do día da conferencia, as e os intérpretes terán a oportunidade de ver as charlas gravadas previamente e escoller as ponencias que queren traducir. Isto dará tempo para preparar e tomar algunhas notas e ofrecer a interpretación na canle Mumble durante a charla. O equipo organizador tamén proporcionará información sobre Mumble para axudar a familiarizarse coa plataforma.
Precisamos de ti!
Dependerá da actividade e do compromiso da comunidade OpenStreetMap ata onde poidamos ofrecer este servizo no SotM, como todo o demais no SotM. Entón, a pregunta é: hai persoas voluntarias que queiran apoiar o SotM como intérpretes? Toda a intensidade e cantidade de apoio é benvida. En canto se publique o programa, estimamos que a principios de xuño, poderase escoller a charla ou as conversas que se desexen interpretar.
Ponte en contacto connosco por correo electrónico no enderezo sotm@openstreetmap.org antes do 28 de xuño (dúas semanas antes da conferencia) para que teñamos tempo suficiente para incorporarte na plataforma Mumble. Envíanos o idioma que queres ofrecer, todos son benvidos. Agardamos que haxa unha demanda maior de francés e español, pero será excelente poder ofrecer todos os posibles.
O Comité organizativo do SotM
Rexístrate para recibir actualizacións e síguenos en @sotm!
Queres traducir este e outros artigos á túa lingua? Envía un correo electrónico a communication@osmfoundation.org co asunto: Helping with translations in [a túa lingua]
O Estado do Mapa é a conferencia anual internacional de OpenStreetMap, organizada pola Fundación OpenStreetMap. A Fundación OpenStreetMap é unha organización sen ánimo de lucro, formada no Reino Unido para apoiar o proxecto OpenStreetMap. Dedícase a fomentar o crecemento, desenvolvemento e distribución de datos xeospaciais gratuítos para que calquera os poida usar e compartir. A Fundación OpenStreetMap é propietaria e mantén a infraestrutura do proxecto OpenStreetMap e podes apoialo converténdote en membro. O Comité organizativo do Estado do Mapa é un dos nosos grupos de traballo de voluntarios.
OpenStreetMap foi fundado en 2004 e é un proxecto internacional para crear un mapa gratuíto do mundo. Para iso, nós, miles de voluntarios, recollemos datos sobre estradas, ferrocarrís, ríos, bosques, edificios e moito máis a nivel mundial. Os nosos datos de mapas poden ser descargados gratuitamente por todo o mundo e usados para calquera propósito, incluído o uso comercial. É posible producir os teus propios mapas que resalten certas características, calcular rutas etc. OpenStreetMap úsase cada vez máis cando se precisan mapas que se poidan actualizar moi rápido ou facilmente.