Resumo
Despois das consultas con comunidade e membros a través dos canais OSM-talk e OSMF-talk, respectivamente, e en resposta ás necesidades expresadas polas persoas desenvolvedoras de iD, o Consello da Fundación OSM propón a creación dun pequeno xurado, o Xurado para a resolución das disputas no software (“Xurado”), quen, previa solicitude, tratará de resolver as disputas sobre as características do editor iD. Outros softwares de OSM tamén poderán empregar este Xurado se así o deciden. Pregamos que se fagan comentarios sobre esta proposta na lista de correo OSM-talk (rexistro para OSM-talk).
Antecedentes
Inda que é relativamente raro, comparado co volume total de actualizacións, modificacións e melloras realizadas co editor de iD co paso do tempo, as polémicas xurdidas ó redor de cambios en iD ameazaron o proxecto debido ás respostas emocionais dalgunhas persoas implicadas nas disputas. Estas controversias son indesexables e non podemos permitir que prexudique a OSM ou a comunidade OSM. Por iso, a suxestión das persoas promotoras de iD, a Fundación OSM busca un método para resolver de forma amigable as controversias que poidan xurdir a través dun mecanismo que estea baixo o control da propia comunidade OSM.
Proposta
O Consello da Fundación OpenStreetMap (“Fundación”) creará un Xurado para a resolución das disputas no software (“Xurado”) con cinco membros. Calquera membro da Foundación pode ser escollido para formar parte deste grupo. As auto-seleccións (voluntarios/as) son benvidas. O Consello escollerá cinco persoas desta selección.
No inicio, o Xurado só tratará as disputas sobre cambios no editor iD. Se os desenvolvedores e desenvolvedoras doutros softwares relacionado con OSM desexan utilizar posteriormente o Xurado, poderán solicitar a súa inclusión nel. A opción de cooperar co Xurado é voluntaria e, por exemplo, non será considerada nas decisións da OSMF relacionadas co financiamento.
Unha vez estea incluído un software no mandato do Xurado, este será o lugar onde se resolverán as controversias sobre el sen excepcións, sempre que non se podan resolver doutra forma no debate diario da xestión do proxecto. Os desenvolvedores e desenvolvedoras poden solicitar a resolución de disputas en calquera momento. Os membros da comunidade poderán, despois de que se puxesen en coñecemento das persoas desenvolvedoras os seus problemas e traballasen a través dos seus procesos, soliciten que o Xurado resolva as controversias. O Xurado pode negarse a responder a calquera solicitude cando o debate comunitario sobre o tema continúe vivo ou as solicitudes se consideren abusivas, repetitivas, frívolas ou espurias. Os membros poden recorrer ao Consello da OSMF se cren que se desestimou inxustamente un proceso de resolución.
O Xurado estará facultado para solicitar a asistencia de expertos na materia co obxectivo de estudar e resolver controversias, como as relacionadas con etiquetas preestablecidas. O Xurado examinará todas as partes en calquera disputa e ditará unha resolución. Cando se trate de funcións relacionadas coa etiquetaxe, o Xurado desaconsellará as configuracións predeterminadas controvertidas ou as regras de validación que non están baseadas en prácticas óptimas e xa establecidas. O Xurado revisará a documentación existente, os votos recentes da comunidade, os números de uso e as discusións pasadas e pode convocar expertos no tema. Ó solicitar a inclusión no mandato do Xurado, os e as desenvolvedoras aceptan de antemán quedar vinculados ás decisións que este tome.
Duración do mandato
O mandato dos membros do Xurado será de dous anos, coa excepción de que no primeiro ano de funcionamento, dous dos membros terán un mandato dun só ano. Deste xeito, cada ano, dous ou tres membros do Xurado deberán renovarse, o que permite certa superposición e tamén memoria institucional. Os membros poden ser nomeados ata dúas veces, pero deberán dimitir despois dun máximo de tres mandatos consecutivos e poderán ser nomeados despois dunha interrupción dun mandato.
Composición, conflitos de intereses
Os membros do panel deben ter antecedentes como persoas colaboradoras voluntarias do proxecto OpenStreetMap. Ó nomear os membros do Xurado, o Consello esforzarase para que a composición do Xurado (membros) reflicta todos os intereses da comunidade OSM en xeral. Os membros non deben participar nos casos de produtos de software desenvolvidos, total ou parcialmente, por empregados da mesma organización. Aplicaranse ó Xurado unhas normas de conflito de intereses semellantes ás do Consello e os grupos de traballo da OSMF.
Transparencia
As decisións do Xurado quedarán gravadas no sitio web da OSMF, onde o Xurado terá a súa propia páxina.
Avaliación
A decisión da creación do Xurado será avaliada polo Consello e nun debate público entre as persoas membro da Fundación logo dun ano.
Antes da creación do Xurado, e como parte da avaliación ó ano, o Consello da OSMF verificará que os grupos de traballo existentes non están interesados en engadir esta responsabilidade ó ámbito do seu grupo.
Petición de comentarios
Pedimos que os comentatios se fagan na lista de correo OSM-talk (rexistro de OSM-talk).
Allan Mustard
Presidente do Consello da Fundación OSM
Obtén actualizacións dos novos artigos do blog: Subscríbete ó feed RSS!
A Fundación OpenStreetMap é unha organización sen ánimo de lucro, formada para apoiar o proxecto OpenStreetMap. Dedícase a fomentar o crecemento, desenvolvemento e distribución de datos xeospaciais gratuítos para que calquera os poida usar e compartir. A Fundación OpenStreetMap posúe e mantén a infraestrutura do proxecto OpenStreetMap, está financiada con cotas e doazóns e organiza de forma anual a conferencia internacional do Estado do Mapa. Non ten empregados a xornada completa e apoia o proxecto OpenStreetMap a través dos nosos grupos de traballo. Por favor, considera facerte membro da Fundación.
OpenStreetMap foi fundado en 2004 e é un proxecto internacional para crear un mapa gratuíto do mundo. Para iso, nós, miles de voluntarios, recollemos datos sobre estradas, ferrocarrís, ríos, bosques, edificios e moito máis a nivel mundial. Os nosos datos de mapas poden ser descargados gratuitamente por todo o mundo e usados para calquera propósito, incluído o uso comercial. É posible producir os teus propios mapas que resalten certas características, calcular rutas etc. OpenStreetMap úsase cada vez máis cando se precisan mapas que se poidan actualizar moi rápido ou facilmente.
This post is also available in: Inglés Francés Español Polaco