Nota: a Fundación OpenStreetMap e GraphHopper publican esta nota de prensa conxunta motivada pola adhesión corporativa de ouro de GraphHopper GmbH. Se queres ser membro corporativo de OSMF podes participar en https://join.osmfoundation.org/corporate-membership/
O 25 de maio foi anunciada a liberación da versión 1.0 para o motor de enrutamento de código aberto GraphHopper. A primeira versión 0.1 do motor de enrutamento foi lanzada en 2013 e desde entón converteuse nunha solución madura integrada en openstreetmap.org desde finais de 2014 e agora é empregada por miles de empresas de todo o mundo.
A nova versión contén unha función rápida de rutas alternativas, así como un novo enrutamento personalizable que permite ás persoas modificar o comportamento das rutas incluso sen coñecementos de programación.
Para obter unha demostración e coñecer máis sobre as novas funcións podes ler o anuncio completo en graphhopper.com
Un dos xogadores clave da comunidade GraphHopper é GraphHopper GmbH. A misión de GraphHopper GmbH é crear a pila de software de enrutamento do futuro, con tantos programas de código aberto como sexa posible e tamén empregar datos abertos, como OpenStreetMap. GraphHopper GmbH apoia o proxecto de OpenStreetMap co patrocinio do servizo de enrutamento para openstreetmap.org, utilizando e mellorando os datos e difundindo a palabra. Desde 2018, GraphHopper GmbH é tamén membro corporativo de ouro da OSMF.
Que é GraphHopper
GraphHopper Routing Engine é un proxecto de software de código aberto iniciado en 2012. GraphHopper GmbH é unha empresa fundada en 2016 en Alemaña para apoiar o desenvolvemento dos seus proxectos de código aberto como o GraphHopper Routing Engine e jsprit.
Que é OpenStreetMap
OpenStreetMap foi fundado en 2004 e é un proxecto internacional para crear un mapa gratuíto do mundo. Para iso, nós, miles de voluntarios, recollemos datos sobre estradas, ferrocarrís, ríos, bosques, edificios e moito máis a nivel mundial. Os nosos datos de mapas poden ser descargados gratuitamente por todo o mundo e usados para calquera propósito, incluído o uso comercial. É posible producir os teus propios mapas que resalten certas características, calcular rutas etc. OpenStreetMap úsase cada vez máis cando se precisan mapas que se poidan actualizar moi rápido ou facilmente.
Que é a Fundación OpenStreetMap
A Fundación OpenStreetMap é unha organización sen ánimo de lucro, formada para apoiar o proxecto OpenStreetMap. Dedícase a fomentar o crecemento, desenvolvemento e distribución de datos xeospaciais gratuítos para que calquera os poida usar e compartir. A Fundación OpenStreetMap posúe e mantén a infraestrutura do proxecto OpenStreetMap, está financiada con cotas e donazóns e organiza de forma anual a conferencia internacional do Estado do Mapa. Non ten empregados a xornada completa e apoia o proxecto OpenStreetMap a través dos nosos grupos de traballo. Por favor, considera facerte membro da Fundación.