Partimos da cultura do anterior Estado do Mapa (State of the Map) e estamos encantados de ver o que se fixo cos datos de OpenStreetMap e, como o lema deste ano tamén é a “Arte do Mapa”, queremos ir máis alá. Por iso, estades convidados a participar na exposición de pósters para o Estado do Mapa virtual deste ano 2020.
O teu póster ben podería ser o cartograma da túa rexión cun bonito novo estilo ou un novo mapa. Pode estar centrado no proxecto da túa comunidade ou nas súas estatísticas para explicalo e achegar a máis persoas a el. Queremos que OSM sexa o tema principal. Tamén aceptamos pósters académicos sobre investigacións con datos de OpenStreetMap.
Precisas de máis inspiración? Bota un ollo ós pósters do 2019.
Normas de presentación
- O póster debe ter tamaño A0 (841 × 1189 mm)
- O póster debe estar relacionado con OSM
- O póster debe ser aberto, innovador e transparente (sen copiar)
- O póster debe estar baixo licenza aberta. Recomendamos CC-BY-SA 3.0, ou posterior, ou CC0 🙂
- Máximo de dúas aportacións por persoa, equipo ou institución
Como participar
- Carga o teu póster no wiki de OSM
- O tamaño máximo do arquivo é 30-40 MB
- Formato PDF
- Por favor, envía un correo electrónico a sotm@openstreetmap.org cunha descrición do teu póster. Por exemplo, a intención do proxecto ou o que consideres importante para poñelo en contexto –todo o que dirías á xente se les amosases o póster–. Publicaremos este texto xunto co cartel na páxina do Estado do Mapa https://2020.stateofthemap.org/calls/posters/
- Por favor, incorpora nesta mensaxe de correo tamén unha ligazón ó póster para que poidamos saber a cal corresponde
Prazos e datas límite
- Inicio: 10 de maio de 2020
- Data límite: 30 de xuño de 2020
O equipo do Estado do Mapa espera seleccionar sobre 20 pósters que se publicarán no noso portal web e nalgunhas outras canles do Estado do Mapa baixo CC BY SA 3.0 (ou posteriores).
O grupo de traballo do Estado do Mapa
Queres traducir este e outros artigos á túa lingua? Envía un correo electrónico a communication@osmfoundation.org co asunto: Helping with translations in [a túa lingua]
A conferencia Estado do Mapa é a conferencia anual internacional de OpenStreetMap, organizada pola Fundación OpenStreetMap. A Fundación OpenStreetMap é unha organización sen ánimo de lucro, formada no Reino Unido para apoiar o proxecto OpenStreetMap. Dedícase a fomentar o crecemento, desenvolvemento e distribución de datos xeospaciais gratuítos para que calquera os poida usar e compartir. A Fundación OpenStreetMap é propietaria e mantén a infraestrutura do proxecto OpenStreetMap e podes apoialo converténdote en membro. O Comité Organizador do Mapa é un dos nosos grupos de traballo de voluntarios.
OpenStreetMap foi fundada en 2004 e é un proxecto internacional para crear un mapa gratuíto do mundo. Para iso, nós, miles de voluntarios, recollemos datos sobre estradas, ferrocarrís, ríos, bosques, edificios e moito máis a nivel mundial. Os nosos datos de mapas poden ser descargados gratuitamente por todos e usados para calquera propósito, incluído o uso comercial. É posible producir os seus propios mapas que resalten certas características, calcular rutas etc. OpenStreetMap úsase cada vez máis cando se precisan mapas que se poidan actualizar moi rápido ou facilmente.