Monthly Archives: July 2023

Por que as conferencias do Estado do Mapa son tan importantes para OSM

Se tiveches a sorte de asistir a unha conferencia sobre o Estado do Mapa (State of the Map, ou SotM, polas súas siglas en inglés), xa sabes que ofrecen algúns dos mellores coñecementos, habilidades e formación de SIX e xeoespaciais dispoñibles, ademais de ser un evento de networking fantástico con moito tempo social divertido e atractivo. Se acabas de chegar á comunidade de OpenStreetMap e aínda non asistiches a un SotM ou formas parte dunha empresa que está pensando en patrocinar un SotM, ademais de poder enviar un grupo como asistentes, esta publicación é para ti.

Crédito da imaxe: Parker Michels-Boyce Photography. Etiqueta a @OpenStreetMapUS nas publicacións que fagas en redes sociais ó usar as fotos.

Que é un SotM?

OSM organiza reunións anuais sobre o Estado do Mapa como unha forma de construír comunidade, compartir ferramentas e investigacións e establecer redes entre a comunidade co obxectivo de mellorar o mapa. Hainos de todos os tamaños e organízanse a nivel local, rexional e global, pero o obxectivo é sempre o mesmo: reunirse para falar de investigacións, ferramentas, iniciativas e outros temas comunitarios sobre a elaboración de mapas. Os SotM locais e rexionais están organizados polas comunidades locais e o SotM global está organizado pola Fundación OSM. 

As conferencias do Estado do Mapa constrúen pontes entre as e os cartografadores de OSM e os activistas comunitarios, as desenvolvedoras de código aberto, o persoal investigador de universidades e institucións académicas, deseñadores, cartógrafas, así como profesionais da tecnoloxía de empresas privadas e institucións públicas.

Que tipos de temas se tratan?

A gama de temas é tan diversa como a comunidade. Os tipos de presentacións van desde “charlas lóstrego” de 5 minutos ou presentacións de 15-20 minutos ata obradoiros de 75 minutos. Abarca temas como o desenvolvemento de plataformas e ferramentas, a análise de datos, a cartografía humanitaria e moitos outros. As persoas que presentan están afiliadas a comunidades locais, a Youthmappers, a HOTOSM, a maplibre, a FOSS4G, á academia ou a outras organizacións sen ánimo de lucro e pequenas e grandes empresas.

O SotM global de 2022 de Florencia, Italia, ofrece un bo exemplo da gama de información e habilidades que están representadas nun SotM. Aquí tes só algúns dos títulos daquelas sesións: “OSM Carto como teselas Vector: innovando en conxuntos de datos derivados de OpenStreetMap”, “Cartografando unha pequena cidade”,  “maplibre-rs: representación de mapas multiplataforma usando Rust”, “Dez anos de iD Editor: o camiño por diante” ou “O liderado das mulleres no mapeo de comunidades ribereñas da selva amazónica empregando OSM”.

Estes exemplos apenas raspan a superficie.  Aquí tes o programa completo e aquí as gravacións das presentacións. Aquí está tamén a exposición de carteis: si, incluso as paredes do SotM de 2022 eran educativas. E aquí tedes un resumo do expediente académico.

Entón, como podes ver, un SotM ofrece inspiración e coñecemento para quen teña interese no futuro da tecnoloxía xeoespacial, OpenStreetmap e software e datos de código aberto e gratuíto.

A comunidade OpenStreetMap pasa os 365 días do ano construíndo xuntos o mellor mapa do mundo. O Estado do Mapa dos EUA é a oportunidade de pasar uns días, en persoa, construíndo a mellor comunidade. O evento é único en xeo, xa que atrae tanta diversidade de temas e asistentes. A industria privada, as persoas afeccionadas de forma individual, a academia e mesmo o goberno únense para conectarse, innovar e aprender do resto.

 
 –Maggie Cawley, directora executiva, OSM-EUA

Por que é importante patrocinar conferencias sobre o Estado do Mapa?

Hai moitas boas razóns!

  • A experiencia compartida en todos os SotM contribúe directamente á calidade de OpenStreetMap.
  • É o correcto; as empresas que se benefician de OSM deberían apoiar a comunidade e atribuír os datos.  As doazóns ó proxecto a través da OSMF, o patrocinio de SotMs, a converterse nun membro corporativo e o intercambio de ferramentas e datos son boas formas de devolver.
  • É unha excelente oportunidade de contratación. Onde máis podes atopar moitas das mellores mentes en SIX e xeoespaciais nun só lugar?
  • É unha excelente oportunidade de desenvolvemento profesional. Conectarás con outras empresas que traballan en OSM, aprenderás doutras enxeñeiras e analistas e inspirarás decenas de novas ferramentas e proxectos interesantes.
  • Desenvolve a conciencia da marca a través da responsabilidade social corporativa. É ben sabido que os clientes son máis fieis ás empresas que invisten en crear un mundo mellor.

Hai demasiados SotM para representalos todos aquí, pero aquí tes algúns exemplos recentes.

Como podo apoiar un SotM en 2023?

Hai catro grandes SotM rexionais que están por chegar e todos eles necesitan patrocinadores.

FOSS4G Oceanía
Aukland, 16-20 de outubro de 2023: folleto de patrocinio

Esta conferencia fusiona FOSS4G e SotM nunha soa conferencia para centrar os esforzos xeoespaciais de código aberto de Oceanía. A conferencia ofrece ás persoas que mapean en Oceanía unha ligazón a comunidades globais de desenvolvedoras e usuarios e conta co apoio de OSGeo e da Fundación OpenStreetMap. As conferencias anteriores de FOSS4G SotM Oceania en Melbourne, Wellington e Suva foron un éxito rotundo:

  • Melbourne e Wellington esgotáronse con máis de 250 asistentes en cada conferencia
  • Asistentes de máis de 14 países de Oceanía e mesmo de Canadá, Reino Unido ou Estados Unidos
  • Os asistentes incluían profesionais de GIS, desenvolvedoras, afeccionados, persoal que traballa no sector humanitario ou axencias gobernamentais

Estado do Mapa UE
Amberes, 10-12 de novembro de 2023: folleto de patrocinio

Esta conferencia ofrece unha oportunidade para que un grupo diverso de persoas se reúnan e intercambien coñecementos, experiencias e plans para desenvolver o uso e mellora de OSM. Espérase que participen preto de 400 asistentes de Europa e de todo o mundo. A conferencia ofrecerase como un evento híbrido, o que permitirá que participantes adicionais se unan a través da transmisión en directo se non poden unirse presencialmente.

“State of the Map é o lugar onde estás máis preto de sentir o latexo de todo o proxecto. O SotM internacional pode e debe viaxar polo mundo! Pero hai demasiados cartógrafos e usuarios de datos en Europa para que non haxa unha gran conferencia OpenStreetMap en Europa durante dous anos”.

–Joost Schouppe, OSM Bélxica, co-organizador de SotM EU 2023

Estado do Mapa Asia
Bangkok, 21-25 de novembro de 2023: folleto de patrocinio 

Despois dun regreso exitoso o ano pasado en Filipinas, SotM Asia celébrarase este ano en Bangkok, Tailandia. Esperamos reunir entre 300 e 500 participantes de Asia e de fóra para conectarse e discutir non só OpenStreetMap e ferramentas, proxectos e desafíos de datos abertos, senón tamén mostrar as diversas culturas asiáticas.

Estado do Mapa África 
Camerún, 1-3 de decembro de 2023: folleto de patrocinio

OSM Africa é unha comunidade rexional de colaboradoras, usuarios e seguidores de OpenStreetMap de países do continente africano. Isto inclúe cartógrafos, investigadoras científicas ou humanitarias, ONG, axencias gobernamentais, pequenas empresas e tamén outras globais que realizan e/ou apoian traballos no continente. A rede ten como obxectivo facer crecer e producir un mapa completo e ben detallado de África en OpenStreetMap para avanzar na calidade, integridade e sustentabilidade dos datos xeoespaciais en África.

A publicación orixinal en inglés foi escrita por Courtney Williamson.