Monthly Archives: February 2021

100 millóns de edicións en OpenStreetMap

Esta semana foi engadido o conxunto de datos cenmillonésimo a OpenStreetMap. Este logro representa a contribución colectiva de preto de mil millóns de características globais nos últimos 16 anos pola diversa comunidade mapeadora conformada por máis dun millón e medio de persoas.

O resultado é o conxunto de datos de mapas abertos máis grande do mundo, que proporciona unha infraestrutura crítica para a comprensión do planeta e o avance da sociedade.

screenshot of changeset #100000000

O conxunto de datos 100.000.000 foi aportado por Lamine Ndiaye. Engadiron edificios en Nianiane, Sénégal. Podes ver proximamente unha entrevista con este mapeador na próxima edición de WeeklyOSM.

100 millóns de veces unha persoa decidiu compartir o seu coñecemento do mundo cos demais. 100 millóns de grazas. O mapeado medra e acelera e o conxunto de datos 90 millóns foi hai só 6 meses.

Uniraste a nós para lograr as próximas 100 millóns de contribucións? Comeza agora!

OSMF e OpenCage – Comunicado de prensa conxunto

OpenCage é un membro corporativo da Fundación OpenStreetMap de nivel prata, o que lle dá dereito a este comunicado de prensa conxunto. Se a súa organizón desexa apoiar máis a OSMF, por favor, considere a adhesión á OSMF como membro corporativo ou lea sobre outras formas de colaborar.

A xeocodificación é o proceso de conversión de enderezos ou topónimos en coordenadas xeográficas (lonxitude e latitude). A xeocodificación é unha función xeoespacial fundamental, un bloque subxacente que é fundamental para desenvolver servizos baseados na localización.

O membro corporativo da Fundación OpenStreetMap OpenCage opera unha API de xeocodificación de nivel empresarial de alta dispoñibilidade baseada en OpenStreetMap. Comprácenos anunciar que OpenCage incrementou recentemente o seu compromiso coa Fundación OpenStreetMap ó converterse a membro corporativo de nivel prata.

“Durante anos o noso servizo estivo baseado en OpenStreetMap. Estamos encantados de incrementar o noso apoio continuo á comunidade OSM mundial aumentando o noso nivel de compromiso coa Fundación OpenStreetMap.” dixo Ed Freyfogle, cofundador de OpenCage.

“É un bo fito que o negocio medrase ata o punto de poder actualizar de bronce a prata. Pero máis aló do apoio financeiro, o principal traballo que facemos é abrir os ollos dos nosos clientes, quen na súa maioría chegan simplemente sabendo que precisan xeocodificación e sen unha comprensión detallada dos datos abertos – dos seus múltiples beneficios. Os nosos clientes en todo o mundo son a proba de que OpenStreetMap pode usarse comercialmente non nun futuro teórico distante, senón hoxe”, continuou Freyfogle.

Un exemplo dese tipo de traballo educativo é a Guía de xeocodificación inversa publicada recentemente por OpenCage, que detalla os desafíos técnicos de seguir operando un servizo de xeocodificación inversa, ó tempo que documenta os beneficios do uso de datos abertos como base do dito servizo.

OpenCage ofrece os SDK de código aberto para acceder á súa API de xeocodificación en máis de 30 linguaxes de programación diferentes.

Ademais de ser membro corporativo da OSMF, OpenCage está orgulloso de ser membros local no Reino Unido (naceron no no Reino Unido) e Alemaña (operan tamén alí), copatrocinar e contribuír no desenvolvemento de código aberto de Nominatim (o principal software de xeocodificación de OpenStreetMap) e patrocinar regularmente eventos de OpenStreetMap.

GEOMOB logo

OpenCage tamén fomenta a xeoinnovación coa organización de Geomob, un ciclo regular de eventos presenciais e en liña co obxectivo de promover a xeoinnovación en todas as súas formas, xa sexa por “diversión ou beneficio”, como di o slogan do evento. Agora, no seu décimo terceiro ano, Geomob converteuse nunha referente consolidado na paisaxe de eventos xeográficos europeos e presenta regularmente proxectos que usan OpenStreetMap.

A principios do ano 2020 lanzouse o podcast de Geomob. As conversas semanais ofrecen a oportunidade de reflexionar sobre as tendencias da industria xeográfica, discutir novas e interesantes tecnoloxías xeográficas e entrevistar ás persoas usuarias de Geomob. Foron convidados ó podcast moitos membros da comunidade OpenStreetMap, incluíndo Allan Mustard (presidente do consello da OSMF), Tyler Radford (director executivo do equipo de OpenStreetMap Humanitario), Sarah Hoffmann (mantedora da ferramenta de xeocodificación Nominatim, que potencia a busca de osm.org), varios fundadores de empresas que constrúen a OpenStreetMap e moitos máis.


Que é OpenStreetMap?

OpenStreetMap foi fundado en 2004 e é un proxecto internacional para crear un mapa gratuíto do mundo. Para iso, nós, miles de voluntarios, recollemos datos sobre estradas, ferrocarrís, ríos, bosques, edificios e moito máis a nivel mundial. Os nosos datos de mapas poden ser descargados gratuitamente por todo o mundo e usados para calquera propósito, incluído o uso comercial. É posible producir os teus propios mapas que resalten certas características, calcular rutas etc. OpenStreetMap úsase cada vez máis cando se precisan mapas que se poidan actualizar moi rápido ou facilmente.

Que é a Fundación OpenStreetMap?

A Fundación OpenStreetMap é unha organización sen ánimo de lucro, formada para apoiar o proxecto OpenStreetMap. Dedícase a fomentar o crecemento, desenvolvemento e distribución de datos xeospaciais gratuítos para que calquera os poida usar e compartir. A Fundación OpenStreetMap posúe e mantén a infraestrutura do proxecto OpenStreetMap, está financiada con cotas e doazóns e organiza de forma anual a conferencia internacional do Estado do Mapa. Non ten empregados a xornada completa e apoia o proxecto OpenStreetMap a través dos nosos grupos de traballo. Por favor, considera facerte membro da Fundación.