A Fundación OpenStreetMap ten o pracer e o orgullo de anunciar que Proton AG foi recoñecida como Membro Corporativo Platinum, tras dúas doazóns nos últimos dous anos por un total aproximado de 70 000 €.
Proton realizou as doazóns sen llo solicitar en ambas ocasións. Cren no noso proxecto, na Fundación, pero o máis importante, na nosa comunidade. Citándoos directamente: “Realmente valoramos a colaboración con OpenStreetMap”.
Non obstante, estas doazóns non foron accidentais. Os valores das dúas organizacións aliñanse moi ben en canto á privacidade. A OSMF valora e recoñece a privacidade dos nosos colaboradores. Hai máis de 10 anos, axustamos os nosos estatutos para permitir que os membros da comunidade formen parte da OSMF, voten para a xunta directiva, apoien financeiramente a Fundación, sen esixir que cedan información persoal identificable como o nome ou o enderezo. Recoñecemos que hai moitas boas razóns polas que alguén non querería que todo quedase rexistrado. Proton dedícase xustamente a ofrecer correos electrónicos, VPN, ferramentas de almacenamento, videoconferencias e ferramentas de oficina que respectan a privacidade e que non comparten os teus datos con ninguén, nin sequera coa propia Proton. O aliñamento entre ambas non é algo que teñamos que explicarlle á outra. Quizais pronto tamén poidan ofrecer mapas que respectan a privacidade!
OpenStreetMap aloxa o maior conxunto de datos xeográficos abertos do mundo, construído por persoas voluntarias e empregado por persoal de resposta humanitaria e algunhas das maiores empresas tecnolóxicas do planeta. OSM é de uso gratuíto, pero manter OSM precisa de cartos para pagar os servidores, a infraestrutura e as persoas que o manteñen funcionando. A maior parte dese diñeiro provén de membros corporativos que apoian o proxecto e que se subscriben a varios niveis de patrocinio. Proton deunos este financiamento sen condicións e tampouco pediu nada a cambio. Queriamos recoñecer a doazón, polo que, tendo en conta que as súas doazóns os colocan por riba do noso nivel Platinum, o noso nivel máis alto de membro corporativo, outorgámoslles o status Platinum en recoñecemento do seu incrible apoio.
Grazas, Proton.
